Un misto na escuridade

Outro blogue blogaliza.org

Onde atopar a medida?

Filed under: Sen clasificar — 31 Outubro 2010 @ 4:33 p.m.

Cal é a xusta medida do amar? Si, non me trabuquei, puxen «amar» e non «amor»… Escoitando «Lucía» de Joan Manuel Serrat (a miña favorita dende moi nena) párome a pensar que se puido facer unha melodía con tantos sentimentos é porque realmente coñeceu o amor e logo cantou dende a derrota e o pasado. Pero onde está a liña, se cada persoa é un mundo, como podo saber eu se quero o suficiente. E ó mesmo tempo como pode haber momentos nos que se dubide de querer a ese ser que tes a carón, cando o afán máis poderoso que tes na escuridade é coidarlle o sono? Ás veces a vida, ou os sentimentos, é moi caprichosa e cando realmente tes todo aquelo que sempre quixeches fai que mil e un pensamentos vaian dun lado ó outro da cabeza facendo que esta perda toda a súa calma.

Cando hai unha ilusión parece que non hai tempo que sexa suficiente, mais despois de algún que outro «quilómetro» feito por esta autopista, sabes que todo se debe dosificar.

Saber todo da persoa coa que estás supoño que sería o ideal pra calquera, pero ás veces temos zonas moi escuras que sempre queremos ter gardadas moi baixo chave. E ás veces a desconfianza, non na persoa senón no que iso poida ou non poida durar pra ceder tanto de ti, fai que as palabras se queden trabadas na gorxa. Quizais sería de hipócrita dicir que non queres saber, a miña explicación máis realista neste momento é que as veces non é que non teñas interese senón que non estás preparado pra escoitar.

Pode soar a utopía pero se existise a máquina, eu compraríaa sen pensalo dúas veces. Pra min o ideal dunha parella sería que o pasado e o futuro non existisen, que o único importante e digno de comentar fose o minuto que está pasando agora mesmo; sen parar xa a pensar no anterior e moito menos no que segue. A máxima a acadar pra min é que cabeza e corazón se poñan de acordo e permanezan  en calma e ledicia o máis que poidan… E isto so pasa cando estou ó teu lado.

Non hai comentarios

Aínda non hai comentarios.

Feed RSS dos comentarios deste artigo. TrackBack URI

Sentímoscho, o formulario de comentarios está pechado neste momento.

Olark Livehelp